A HISTORIA REPÍTESE
As Xuventudes Socialistas de Galicia, mostraron este sábado a súa mais enérxica repulsa pola moción de censura presentada por Converxencia Galega e o Partido Popular no Concello de Oia por considerala completamente repugnante.
O secretario xeral das XSG, Aitor Bouza compareceu co coordinador comarcal, Iván Rodríguez, para instar ao presidente do Partido Popular, Núñez Feijoo “a tomar partido nesta vergoñenta situación e aplicar o seu liderado do que tanto fachendea, aínda que logo todo se quede en fume coma no caso Baltar."
Os mozos/as socialistas do Baixo Miño lamentaron que “isto non é máis que a vergoña a que nos ten acostumados en Oia o Partido Popular nos últimos anos: o caciquismo e a mala praxe na xestión pública. Neste caso, un dos partidos que falaba de cambio nas eleccións, volverá darlle o bastón de mando aos que desenvolveron esas políticas caciquís e facían e desfacían a seu antollo.”
Pola súa banda Rodríguez manifestou que “a historia volve a repetirse na comarca, igual que na Guarda naquel ano 2000. Os que tanto criticaron ó goberno do Partido Popular acabaron, por ansias de mando, outorgándolle de novo o poder a cambio dunhas migallas. Casualmente acabaron formando parte de Converxencia Galega tras varios intentos noutros partidos.”
"Agora observamos un plan ideado seguramente polos mesmos actores e o mesmo engano á cidadanía. Un Partido Popular cun novo liderazgo e un partido que só tenta afanar poder, dándolle as costas ao pobo e as súas propias ideas. Pero ollo, non lles vaia a pasar o mesmo que na Guarda e non volvan a gobernar pola codicia do poder, de populares e converxentes.”
Dende a Organización finalizaron afirmando que “dende o minuto un as cartas estaban claras, o cambio era só temporal, os pactos estaban asinados dende antes. Pero aínda que lles custe asumilo, Rosa será sempre a alcaldesa que este pobo quere e precisa, como así o fan ver as veciñas e veciños."
Bouza concluiu instando a Feijoo a que “pare este movemento antidemocrático sacado adiante sen pensar nos veciños e veciñas de Oia, que votaron un cambio o pasado 24-M. Estas son as artes do Partido Popular que logo vén a dar leccións de democracia noutras provincias."
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario