Publicacións populares

mércores, 4 de febreiro de 2015

COMUNICADO POLO DIA MUNDIAL DA LOITA CONTRA O CANCRO

Cada 4 de Febreiro conmemórase o Día Mundial da Loita Contra o Cancro. Esta enfermidade, que afecta a unha proporción moi alta da poboación, conleva unha das loitas máis duras polas que una persoa pode pasar. Segundo a OMS, no ano 2012 producíronse 8,2 millóns de novos casos de cancro no planeta pero estas cifras poderían aumentar nas próximas décadas ata cifras próximas aos 22 millóns. A taxa de mortalidade diminuíu un 13% nas últimas dúas décadas, pero todavía queda moito camiño que percorrer. Os expertos aseguran que a prevención, cunha detección e tratamento a tempo, son o mellor camiño para lograr reducir a mortalidade e a incidencia. Para isto son moi necesarios os controis médicos o seguimento dos pacientes e a rápida actuación.

Os recortes afectan cada vez de maneira mais significativa a estes pacientes de cancro. Os diagnósticos son ás veces demasiado lentos, as listas de espera son cada vez mais longas e tamén hai mais traballo na sanidade para menos persoal que  desempeñe esas tarefas e axilizar os casos médicos. Din que a sanidade española é una das mellores do mundo. Pode que si o fose, falamos en pasado dado que os recortes afectan duramente a este servizo e dereito, a sanidade, que na actualidade deixa moito que desexar. A culpa dende logo non é do persoal médico senón da administración pública. Unha administración, no noso caso a galega, na que se notan as claras vinculacións das empresas adicadas a sanidade privada cos xestores públicos, en forma de contratos ó desvío de pacientes para reducir as listaxes de espera. Quizais a solución é xestionar correctamente os recursos que tanto suor custou lograr, coma no caso do novo Hospital Universitario de Vigo, semiprivatizado; ou as transferencias de pacientes a POVISA para reducir as listaxes de espera tendo camas e quirófanos baleiros nos distintos hospitais da cidade.
Coñecemos tamén de primeira man aqui en Galicia, o caso da provincia de Lugo, na cal os seus habitantes teñen que desprazarse ata A Coruña para recibir tratamentos básicos para a remisión do cancro, como é neste caso a quimioterapia. Algúns que se desplazan dende O Courel teñen que recorrer 400 km para recibir o seu tratamento. En 2011 inaugurábase o hospital Lucus Augusti no que segundo o presidente da Xunta contarían con equipamentos de enerxia nuclear, hemodinámica e quimioterapia coa fin de evitar o desprazamento dos pacientes. Pese á promesa do Presidente, os doentes seguen desprazándose a Coruña e a única solución que propón a Xunta é una ambulancia para levalos de Lugo ao  hospital da Coruña. Non podemos seguir permitindo que a xente perda o seu dereito a unha sanidade pública e moito menos que perdan a su vida nesta loita en parte producida polas pésimas promesas e xestións dos últimos gobernos na comunidade.
Asociacións como a Asociación Española contra o Cancro fan unha tarefa como é a  de informar e concienciar a poboación sobre a enfermidade ou potenciar a investigación para mellorar a calidade de vida dos enfermos. Esta asociación leva traballando por esta causa dende o ano 1953 dada a mala calidade da Seguridade Social no tratamento da enfermidade que se daba por aquel entón.
Ademais da pésima calidade no tratamento de enfermidades nas que a rápida actuación nos primeiros estadios da enfermidade é primordial, encontrámonos con eternas loitas de pacientes de outras enfermidades,  que nas súas últimas fases desembocan en cancros como poden ser os afectados por doenzas coma o papiloma ou a hepatite C. O último caso, tan a orde do día na actualidade, garda gran relación ca incidencia de cancros de fígado, un dos máis mortíferos, e malia o xurdimento dos fármacos de nova xeración que conseguen taxas de curación moi altas, a actuación tardía nestas doenzas pode causar danos moito máis graves. Por iso a prevención e o tratamento de doenzas relacionadas cos cancros son puntos nos que hai que seguir traballando, para reducir os casos futuros. Non ten sentido unha sanidade pública que non protexa aos pacientes de doenzas futuras.
Dende Xuventudes Socialistas da Guarda queremos lanzar un grito de apoio a todas esas persoas e familias que se encontran loitando  ou loitaron contra o cancro. Son un exemplo de valentía e forza para todos. A pesar das trabas que plantexan día a día, no afán de lucro das grandes empresas do sector, a xente non se rende, segue loitando, e alí estaremos, con eles, para continuar defendéndoos para que acaden os tratamentos que merecen nas mellores condicións e na maior brevidade posible.

XUVENTUDES SOCIALISTAS DA GUARDA

Ningún comentario:

Publicar un comentario