Publicacións populares

sábado, 25 de xullo de 2015

MANIFESTO POLO 25 DE XULLO DIA DA PATRIA GALEGA

O 25 de xullo é o Día da Patria Galega, o noso día como nación galega, o día no que vindicamos o noso, o de sempre. Unha nación é aquela que comparte un territorio, unha  historia, unha cultura e unha lingua en común. Pero ademais é aquela que ao longo dos tempos, soubo comportarse como tal, defendendo a súa tradición, o seu.
Son moitas as razóns históricas que lexitiman a Galicia como nación, pero o auténtico respaldo que ten o noso fogar  é o pobo galego, é por iso que as Xuventudes Socialistas de Galicia aproveitan  este día para reclamar o espazo fundamental que debe ter Galicia na reforma da Constitución Española, na configuración territorial, onde contemple as diversas nacións dentro do Estado a través dunha organización territorial federal. Trátase  dun recoñecemento que Galicia precisa, pero que ademais merece. 
A lingua galega é a personificación do noso ser, sería imperdoable que non foramos quen de protexela nuns tempos na que está asolagada pola política do Partido Popular; unha política baseada na ideoloxía e no desprezo ao galego, en eidos tan relevantes coma a  educación nos que pasa a ser terceira lingua a prol doutros idiomas como o inglés.
Por iso, facemos un chamamento aos galegxs, pero sobre todo á mocidade, para xuntar forzas para que nun futuro a lingua galega xa non sexa unha lingua minoritaria e minorizada senón a fala que nos acompañe dende as nosas primeiras verbas ata as derradeiras  da nosa existencia.
       Galicia ademais consta dunha rica cultura reflectida en producións literarias, música, teatro, cine, arte, danza... que se expande por todo o mundo achegándolle parte do noso sentimento, por iso, debemos valorala ademais de defendela.
Tampouco queremos que este manifesto se converta nun discurso político illado, senón que serva como toque de atención aos xoves galegos para revindicar o noso, xa como dixo o celebre Castelao  “o verdadeiro heroísmo está en transformar os desexos en realidades e as ideas en feitos”.

SECRETARÍA DE  CULTURA
XUVENTUDES SOCIALISTAS DE GALICIA - A GUARDA

Ningún comentario:

Publicar un comentario